Concello - Saúdo do Alcalde
 











Saúdo do Alcalde

Pontedeume é unha vila profunda na súa historia que soubo gañarse ao longo do tempo un lugar destacado en calquera contexto cativando a todos aqueles que o visitan polas súas excelencias naturais. Fundada no ano 1270 por Afonso X o Sabio para que poboasen o lugar que chamaban Ponte do Eume e fixeran vida nel, está situado como espazo equidistante das catro rías que forman o vello Porto dos Ártabros (que algúns supoñen a impresión dos dedos do creador) baixo o monte Breamo dominando á Vila cun panorama “tan bello y tan hermoso que no existen palabras para describirlo”.

Con todo o que foi e o que hoxe é Pontedeume aínda ten moito máis futuro que pasado e todos estamos emprazados a non perder o tren da modernización. Estes e outros motivos son os que fan que con ledicia e ilusión contida presentemos esta web para que sexa un valioso instrumento de aproximación aos  cidadáns e tamén como foro para poder expresar propostas, queixas, solucións e opinións. O desenvolvemento da sociedade da información e a difusión dos positivos efectos que Internet ofrece é unha ventá aberta ao mundo, ao que o Concello de Pontedeume non quere nin pode permanecer alleo. Este ciberespazo universal debe ser aproveitado dentro dunha firme vontade de ofrecer día a día mellores servizos e sacar producto ás novas tecnoloxías e ferramentas da era informática que fagan máis fluída a relación administración/veciños.

Inicialmente nace cunha temática concreta sendo firme propósito municipal ir mellorando pouco a pouco os seus contidos con novos servizos online e facilitando a máis ampla información ao navegante que decide abrir unha ventá como lugar de encontro entre o concello e os cidadáns. Nesa dirección  seguiremos profundando na medida das nosas posibilidades, incorporando documentos novos e trámites á carpeta local.

Animo a todos a utilizar este portal e facer chegar á Corporación os seus problemas e necesidades. Benvidos á web municipal confiando en que a súa apertura permita facer un Pontedeume máis moderno e habitable co concurso de todos.

Gabriel Torrente Piñeiro

Alcalde de Pontedeume

CQpro.com